O artigo 38 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno encomenda ao Consello de Transparencia e Bo Goberno (LTAIBG), entre outras funcións, a de avaliar o grao de aplicación da lei polos diferentes suxeitos obrigados, elaborando anualmente unha memoria na que se incluirá información sobre o cumprimento das obrigas previstas e que será presentada ante as Cortes Xerais.
Para iso, no CTBG avaliamos o cumprimento das obrigas de publicidade activa (a información que deben publicar os suxeitos obrigados nos seus webs ou portais de transparencia) e a xestión do dereito de acceso á información pública (as solicitudes concretas de información pública que lles formulan os cidadáns).
Neste apartado podes consultar, organizados por anos, os nosos Plans de Avaliación (que determinan as entidades concretas que avaliaremos cada ano), así como os correspondentes informes de avaliación de cada entidade, que publicamos na nosa web ao concluír a avaliación do grupo ao que pertencen, independentemente do resumo que se recolle despois na memoria anual. Os informes conteñen recomendacións para mellorar o grao de cumprimento e destacan as boas prácticas que poden ser aplicadas por outras entidades. Xunto a cada informe, publícanse ademais as observacións ou comentarios realizados pola entidade avaliada.
Para efectos da avaliación os suxeitos obrigados pola LTAIBG ordénanse nos seguintes grupos: (I) órganos constitucionais e de relevancia constitucional, (II) Administración Xeral do Estado, (III) organismos e entidades do Sector Público Institucional do Estado, (IV) Corporacións de Dereito Público, (V) Comunidades Autónomas, (VIN) Entidades Locais, (VII) entidades de dereito privado perceptoras de subvencións e axudas públicas.
Para realizar as avaliacións utilizamos a metodoloxía MESTA (Metodoloxía de Avaliación e Seguimento da Transparencia da Actividade Pública), elaborada en colaboración coa extinta Axencia Estatal de Avaliación de Políticas Públicas e da Calidade dos Servizos Públicos (AEVAL). Dado o volume de suxeitos obrigados nalgunhas categorías, emprégase o procedemento de mostraxe estatística para seleccionar as entidades que serán analizadas cada ano. Para máis información sobre esta metodoloxía: