Recurso do Ministerio do Interior fronte a unha solicitude de información relativa á entrevista persoal nun proceso selectivo
RESUMO
Un cidadán presentou unha solicitude de acceso á información dirixida ao Ministerio do Interior que tiña por obxecto coñecer información relativa á súa entrevista persoal no proceso selectivo convocado por resolución da Dirección Xeral da Garda Civil.
Na súa resposta, a mencionada Dirección Xeral acordou dar información parcial, pero considerou que, por unha banda, tiñan carácter auxiliar ou de apoio os documentos de traballo dos entrevistadores e, por outra, era de aplicación o límite que garante a confidencialidade requirida no proceso de toma de decisións que podería vulnerarse se se daba acceso á documentación técnica das probas psicotécnicas e de entrevista persoal do solicitante.
Presentada a reclamación, foi estimada polo Consello de Transparencia e Bo Goberno, que determinou que debía ser fornecida a información. De feito, a Administración permitira ao reclamante acceder anteriormente de maneira presencial a ver contidos do propio expediente calificador.
Na súa resolución, o Consello considerou que a documentación solicitada non podía cualificarse de auxiliar ou de apoio debido a que fora xerada polos entrevistadores e, en base a ela, o Tribunal adoptou unha decisión determinante no procedemento. Así mesmo, non se apreciou que proporcionar o acceso á información solicitada polo reclamante atentase contra a confidencialidade requirida no proceso de toma de decisións, límite previsto na LTAIBG, xa que as bases da convocatoria non prevén expresamente a confidencialidade do solicitado que, ademais, afecta a datos propios do solicitante e a decisión xa fora adoptada.
Estado: Tanto a sentenza en primeira instancia como a sentenza en apelación da Audiencia Nacional son favorables á resolución do Consello de Transparencia e Bo Goberno, é dicir, a facilitar a información