Recorrente: Ministerio de Asuntos Exterirores, Unión Europea e Cooperación
Resolución recorrida: R/0122/2022
En exercicio do seu dereito de acceso á información, un cidadán presentou unha solicitude ao MINISTERIO DE ASUNTOS EXTERIORES, UNIÓN EUROPEA E COOPERACIÓN demandando copia da auditoría financeira realizada á Oficina Técnica de Cooperación en Panamá da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID.
A Administración ditou resolución denegando o acceso ao entender que a divulgación da mencionada información supón un prexuízo para a prevención, investigación e sanción dos ilícitos penais, administrativos ou disciplinarios [artigo 14.1.e) LTAIBG]; engadindo, con posterioridade que existen actuacións de investigación en marcha.
Presentada reclamación con arranxo ao artigo 24 LTAIBG, o Consello de Transparencia e Bo Goberno estímaa sinalando, en primeiro lugar, que o artigo 14.2 LTAIBG non permite unha aplicación xenérica das limitacións válida para todos os procedementos nunha materia e que, para o caso de que efectivamente exista un proceso de investigación relacionado co obxecto da información solicitada, a previsión do artigo 14.1.e) LTAIBG coincide coa do artigo 3.1.c) do Convenio do Consello de Europa, debéndose xustificar a limitación ao acceso cando se trate de evitar o prexuízo ás investigacións, a destrución de probas ou a subtracción dos delincuentes da acción da xustiza. Por iso entender incluídos con carácter xeral no límite do artigo 14.1.e) LTAIBG todo tipo de documentos administrativos relacionados directa ou indirectamente cun proceso xudicial comportaría unha interpretación extensiva do mesmo e, por tanto, contraria ao criterio de interpretación estrita das limitacións do dereito de acceso establecido por este Consello e pola xurisprudencia do Tribunal Supremo. En calquera caso, sublíñase, neste caso non se proporcionou unha xustificación suficiente do límite invocado.