Recorrente: Renfe Viaxeiros S.M.E.
Resolución recorrida: R/0082/2023
En exercicio do seu dereito de acceso á información pública, presentouse escrito ante a Sociedade Estatal Renfe Viaxeiros S.M.E., adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, solicitando a documentación do mantemento das estacións de Proximidades de Málaga.
A Administración acorda conceder o acceso parcial á información, mediante unha ligazón á dirección web da Plataforma de Contratación do Sector Público, onde figuran as licitacións realizadas na materia. Respecto do resto de información solicitada (cartas de servizo, mecanismos de control de cumprimento dos estes mantementos, partes de incidencias, detalles das mesmas, e tempo da súa resolución), invoca a entidade a concorrencia, por unha banda, da causa de inadmisión do artigo 18.1.e) LTAIBG, ao considerar abusivo o exercicio do dereito, por anómalo e por repetitivo, así como do límite do artigo 14.1.h) LTAIBG, ao resultar afectados os intereses económicos e comerciais da entidade.
Presentada reclamación, o Consello de Transparencia e Bo Goberno estímaa, ao facilitarse a información sobre os contratos de forma extemporánea, e ao non resultar de aplicación, respecto do resto da información solicitada, nin a causa de inadmisión nin o límite invocados pola entidade.
Con respecto á aplicación da causa de inadmisión do artigo 18.1.e) LTAIBG, o Consello considera que non hai unha extralimitación na conduta do solicitante, carente de finalidade seria e lexítima con vontade de prexudicar, nin se observa un exceso no uso do dereito que poida cualificarse como anormal. A solicitude preséntase en exercicio dun dereito público subxectivo garantido na Constitución e na lei e non subxace nela unha vontade de prexudicar dereitos ou intereses lexítimos de terceiros.
Doutra banda, en relación coa aplicación o límite ao acceso previsto no artigo 14.1.h) LAITBG (intereses económicos e comerciais), o Consello considera que, se ben é certo que a reputación dunha empresa é un dos elementos con influencia directa sobre a súa posición entre os competidores, na ponderación entre o interese da mesma en manter en segredo o número de incidencias detectadas nas liñas de proximidades e o interese público en coñecer a esta información, debe prevalecer o segundo.