Con este acordo, subscrito o 29 de xullo pola presidenta do CTBG, Concepción Campos e o secretario xeral da FEMP, Luís Martínez-Sicluna, as dúas entidades comprométense a realizar actuacións de difusión destinadas a promover o coñecemento da transparencia, a publicidade activa, o dereito de acceso á información pública e o bo goberno tanto entre os empregados ao servizo das entidades locais como entre concelleiros e outros cargos públicos representativos locais.
Estas actividades comprenden a organización de accións formativas e eventos de divulgación e sensibilización. Tamén, a elaboración conxunta de manuais, guía prácticas, recomendacións, códigos de conduta e outras publicacións e instrumentos destinados á mellora e perfeccionamento do cumprimento, polas entidades que integran a Administración local, das obrigas que establece a Lei 19/2013 de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno (LTAIBG).
Así mesmo, o convenio prevé a colaboración das dúas entidades para identificar as barreiras, deficiencias ou dificultades que atopa a cidadanía para exercitar os seus dereitos en materia de transparencia e acceso á información pública ante os seus concellos e outras entidades locais, e tratar de superalas.
A colaboración entre o Consello e a FEMP non é unha novidade. A Federación creou en 2015 a Rede de Entidades Locais pola Transparencia e Participación Cidadá, da que o CTBG forma parte como socio observador. Tamén colabora nos seus grupos de traballo.