Fábrica Nacional da Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda. Custo da nova moeda dun euro coa efixie de Felipe VI
RESUMO
A solicitude de información presentada por un cidadán tiña por obxecto coñecer os custos de produción e distribución da nova moeda dun euro de Felipe VI que fora acuñada con motivo da súa coroación. A solicitude foi desestimada o 13 de abril de 2015 pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, por entender que desvelar esta información prexudicaría aos seus intereses económicos e comerciais ao incidir nas posibilidades de resultar adxudicataria en licitacións para a acuñación de moeda abertas noutros países.
O cidadán presentou unha reclamación ao Consello de Transparencia e Bo Goberno, que foi estimada o 10 de xullo de 2015, e pola que se instaba á FNMT-RCM a proporcionar no prazo de 15 días a información solicitada. Na súa Resolución, o Consello de Transparencia e Bo Goberno consideraba que coñecer o custo económico do investimento realizado, asumida con fondos públicos, responde plenamente á finalidade última para a que foi aprobada a Lei de transparencia, acceso á información e bo goberno. Así mesmo, o Consello puña en relación o argumento esgrimido pola FNMT-RCM coa obriga de publicar información sobre os contratos celebrados por organismos públicos con entidades privadas e afirma na súa Resolución que “se o argumento esgrimido pola FNMT-RCM fose aceptado, dado que se basea no prexuízo derivado de coñecer os custos da prestación dese servizo de acuñación de moeda, suporía tanto como dicir que os intereses económicos e comerciais de calquera entidade que contrate coa Administración poderían verse prexudicados por canto que a información sobre o custo dos servizos que ofrece sería pública para os seus competidores”.
Estado: a sentenza do xulgado central contencioso-administrativo nº 5 de Madrid é unha sentenza firme a favor de facilitar a información.