29. Información relativa a solicitudes de validación de títulos de máster na Universidade Rei Juan Carlos.
RESUMO
Un cidadán remite unha solicitude de acceso á información pública á Universidade Rei Juan Carlos (URJC) en virtude da cal se interesa polas solicitudes de alumnos para a validación de créditos nun máster, tanto oficiais como títulos propios, recibidas pola URJC desde o curso 2007-08 ata o curso 2017-18. Ao non recibir resposta á súa solicitude por parte da URJC o interesado presenta reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno (CTBG).
No trámite de alegacións a URJC argumenta que a información non debe ser posta a disposición do interesado pola existencia de datos de carácter persoal e por ser necesaria unha acción previa de reelaboración.
Segundo recolle o CTBG na súa resolución ambas as argumentacións non poden prosperar polas seguintes razóns: primeira, a protección de datos de carácter persoal pode salvarse cunha anonimización de tales datos; segunda, a necesaria acción previa de reelaboración non aparece debidamente xustificada pola URJC, posto que se ben se trata de información voluminosa a súa posta a disposición do interesado non precisa realizar novas operacións de análises, agregación e interpretación da información, como sinalaron os tribunais de xustiza.
Polas razóns anteriormente expostas o CTBG estima a reclamación presentada.
Desconforme coa resolución ditada a URJC interpón recurso contencioso-administrativo que ten entrada no Consello o 11 abril de 2019.