Portal da Administración Xeral do Estado: Leve melloría no cumprimento das obrigas de transparencia
- Cun Índice de Cumprimento da Información Obrigatoria (ICIO) do 75%, a Administración Xeral do Estado rexistra un incremento de 2,1 puntos porcentuais, respecto do ano 2021.
- Esta mellora susténtase no cumprimento, nun 21,73% das recomendacións realizadas polo Consello de Transparencia e Bo Goberno na súa avaliación de 2021.
Madrid, 07 de xuño de 2022.- O Consello de Transparencia e Bo Goberno (CTBG) acaba de publicar o informe cos resultados do cumprimento das recomendacións efectuadas polo CTBG á Administración Xeral do Estado en 2021, así como do grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa.
En concreto, o CTBG avaliou o cumprimento das 23 recomendacións que formulara en relación con aspectos concretos do Portal da AGE, talles como: a localización e estruturación da información, a publicación de contidos e o cumprimento dos atributos de calidade na publicación da información. O Consello conclúe no seu informe que a Administración Xeral do Estado aplicou o 21,73% das mesmas, o que levou á AGE a situar o seu índice de transparencia nun 75%, mellorando nuns 2,1 puntos porcentuais ao rexistrado en 2021.
O Consello valora positivamente o esforzo que están a realizar os responsables do Portal de Transparencia da AGE co obxectivo de mellorar a súa organización e contidos, e recoñece as dificultades que entraña acometer unha profunda revisión do mesmo co fin de incorporar todas as recomendacións efectuadas, dado que, como se alegou, o inxente volume de información e de actores implicados, esixe un alto nivel de cooperación e consenso. No entanto, esta Autoridade Independente reitera a necesidade de aplicar as recomendacións efectuadas en 2021 como vía para alcanzar o nivel de transparencia esixido pola LTAIBG.