No encontro, que serviu para fortalecer a cooperación entre ambas as institucións, compartiuse información sobre o labor que os dous organismos realizan nos seus respectivos países para garantir o dereito de acceso á información pública e para supervisar as obrigas de transparencia das entidades públicas. Tamén se analizou o marco legal que regula a configuración e actuación dos órganos independentes de garantía da transparencia en España e México.
O Instituto Estatal de Transparencia, Acceso á Información e Protección de Datos Persoais do Estado de Novo León é un organismo autónomo, independente e colexiado que ten atribuída a función de garantir, no ámbito da súa competencia, o exercicio dos dereitos de acceso á información e a protección de datos persoais. Tamén se encarga de velar porque os suxeitos obrigados cumpran co sinalado na Lei de Transparencia e Acceso á Información Pública do Estado de Novo León. O INFONL ten potestade para sancionar economicamente, e por disposición legal, aos suxeitos obrigados que incumpran a lei da materia.